sábado, 29 de septiembre de 2018

LA CONDESA DE SANTA MARTA.



      A morte a lanzadas da condesa de Santa Marta (1470): unha análise

                                                    Carlos Barros
                                         Universidade de Santiago


       Teresa de Zúñiga(Tamén aparece como Teresa Stúñiga ou Estúñiga;  non a  debemos confundir con Teresa de Zúñiga e Biedma, filla do seu curmán Juan de Zúñiga, vizconde de Monterrei, a primeira esposa de Bernardino Sarmiento, fillo da nosa Teresa de Zúñiga, condesa de Santa Marta) viña sendo filla de Álvaro de Zúñiga, conde de Plasencia e duque de Arévalo, quen na guerra civil castelá entre a nobreza de Castela e Enrique IV empeza no bando nobiliar do principe Alfonso (1465) e pásase logo ó bando do seu irmán Enrique como outros nobres rebeldes (1468); mentres que na  década seguinte apoia a Afonso V na guerra dos Reis Católicos con Portugal (1474-1479), o cal promovía en Castela un importante bando portugués (acaudillado en Galicia por Pedro Álvarez de Soutomaior, vingador en 1470 da morte da filla de don Álvaro).


   Casou Teresa de Zúñiga con Diego Pérez Sarmiento, adiantado maior de Galicia, primeiro conde de Santa Marta (de Ortigueira) e señor de Ribadavia (vila dos Sarmientos desde os tempos do seu avó, Pedro Ruíz Sarmiento). 

     O seu home entrégalle en concepto de arras a vila de Mucientes (Valladolid), onde vivirá xa de viúva. 

     En 1465 morre don Diego(O ano anterior, 1464, temos o conde de Santa Marta con Enrique IV na negociación cos nobres rebeldes, encárgase de gardar na fortaleza de Mucientes o conde de Benavente como refén do pacto), deixando tras de si un ruidoso preito pola herdanza familiar e unha situación política complicada -comeza ese ano a guerra civil en Castela e, dous anos máis tarde, estoupa a revolta social en Galicia -, para dona Teresa e o seu fillo Bernardino Sarmiento, menor de idade e herdeiro  lexítimo dos estados, rendas  e títulos dos Sarmientos. 

   A condesa de Santa Marta logra, en 1466, de Enrique IV a titoría do seu fillo e a súa confirmación como sucesor nos señoríos e no adiantamento de Galicia. 

    Manifestándose sempre enriqueña na pugna civil pola Coroa de Castela, a condesa trata de asegurar a herdanza dos Sarmientos para o seu fillo calquera que fose o resultado da guerra, obtendo tamén -supoñemos que baixo corda- do infante-rei Alfonso, candidato rival de Enrique IV, ratificación documental  dos testamento e do adiantamento galegos.

                                                  A condesa e os irmandiños

   O 21 de febreiro de 1467,  na vila de Monterrei do seu curmán e amigo Juan de Zúñiga, diante dos persoeiros que chama "honrados señores alcaldes e diputados e cuadrilleros de la Santa Hermandad de los reynos de Castilla e de León e de Galisia"(Os representantes  zamoranos  (Zamora tiña a voz de Galicia nas Cortes de Castela) da "Hermandad" de Castela, estaban axudando a constituír formalmente a irmandade galega: no  documento fálase dunha xuntanza previa en Ourense e da inminente Xunta da Santa Irmandade do reino de Galicia en Melide, que terá carácter constituínte.), a condesa de Santa Marta principia unha querela contra tres poderosos cabaleiros galegos da seguinte maneira: "yo la triste e desonrrada e deseredada condesa de Santa Marta, por mí e en nombre del conde don Bernaldino Sarmiento, mi fijo, Adelantado e Justiçia Mayor en el dicho reyno de Galisia por el rey don Enrrique, nuestro Señor". 

     Exhortación moral onde usa xustamente a súa condición de muller, viúva e titora desvalida dun conde aínda rapaz, para predispoñer a irmandade no seu favor, xunto cunha referencia oportuna ó rei lexítimo e, sobre todo, unha maxistral profesión de fe na "Hermandad" no momento crucial en que esta se estaba estendendo a Galicia: "seyendo de la dicha Santa Hermandad en los dichos reynos, como es çierto e notorio"(Continúa dicindo: e estando yo e el dicho conde, mi fijo, e todos nuestros bienes sobre seguro e hamparo e defensión del dicho señor Rey e de la dicha Santa Hermandad, e teniendo mandado por mis cartas a mis alcaydes de las fortalesas mías e del dicho conde, mi fijo, que se metiesen en la dicha Santa Hermandad con vosotros para guardar e complir los capítulos e hordenanças; a súa orixe e relacións de veciñanza en Castela, onde a "Hermandad" funcionaba desde había tres anos como institución pacificadora, coadxuva a explicar este temperán aliñamento coa irmandade galega da condesa de Santa Marta, que contrasta coa resistencia nese mesmo momento doutros nobres como o conde de Lemo). 

     Non se trata dunha adhesión irmandiña formal, sen coñecemento de causa. Intelixentemente fai votos a condesa porque "este santo nombre e justa cosa que començastes vaya adelante, e los pequeños e los medianos e los grandes vivamos bien e en pas e en sosiego", co obxectivo concreto de pedir xustiza para a súa causa persoal, amosando unha magnífica combatividade contra os seus inimigos cabaleiros que contradí, suxetivamente, iso de "triste e desonrrada e deseredada condesa"; aínda que sexa obxectivamente certo que os nobres aproveitaron a viuvez da condesa para roubarlle as súas terras (mellor dito, para quitárllelas pola forza ós irmandiños).

    Acomete de primeiras contra Sancho de Ulloa  "al qual en la dicha Santa Hermandad resçibistes", acusándoo de contradicir gravemente os principios xusticeiros desta(dicho Sancho de Ulloa, vuestro hermano, non temiendo a Dios  ni al Rey nuestro Señor, ni a la dicha Santa Hermandad que para vedar las fuerças  e opresiones fue prinçipada, e para punir e castigar los malfechores) cando "en un dia deste mes de febrero, en que estamos,..., vino con mano armada, e con gente armada e con asonada, sobre el dicho castillo e fortalesa del Castro de Caldelas Dorsellón e lo cercó e lo combatió" e apoderouse del. 

     Remata brillantemente dona Teresa esta parte do discurso cunha nova referencia á súa condición de víctima do malfeitor,  ex-cabaleiro e traidor Ulloa: "desonrra las viudas e los huerfanos e su adelantado e justiça"(O modelo cabaleiresco esixía especificamente a defensa de viúvas e orfos; a traizón na Idade Media era un delicto político contra o Rei, neste caso contra o seu Adiantado en Galicia (e tamén contra a irmandade).

    Dicimos discurso no dobre sentido de razoamento lóxico e intervención dun orador, porque se trata dunha fonte oral transcrita. O escribán Diego Sánchez del Castillo toma nota do que dicta a condesa, e do que contestan os delegados da "Hermandad"; por algo engade os preceptivos "digo", "dixo", "dixeron", ó final dun documento que unha vez trascrito "leer fiso" o dito escribán-notario á condesa demandante. A oralidade da fonte  salienta a súa credibilidade como fonte directa para unha historia social das mentalidades.

     Logo de pedirlle á "Santa Hermandad"  que "non deys lugar a que de mi posesión e de lo mío me quiten", ataca a Diego de Andrade e Pedro Pardo de Cela -cambiando os argumentos, pois non eran da "Santa Hermandad" coma Sancho de Ulloa, máis ben  o contrario-, porque "nos çercaron e tomaron la nuestra villa  e fortalesa de Santa Marta de Hortigueira", e ademais o Andrade tiña ocupado "mi coto de Lero", solicitando en resumo da nova autoridade irmandiña -a quen se lle recoñece de primeiras, como vemos, un poder extraordinario que ninguén tiña en Galicia-  unha actuación punitiva directa: 

    "compeliéndolos e apremiéndolos por todos los rigores e premias a que nos restituyan e dexen libre..., e proçedades contra ellos e contra cada uno dellos, segúnd el tenor e la forma de los dichos capítulos e leyes e ordenanças de la Santa Hermandad".

      Está claro que eses tres novos lobos da cabalería galega aproveitábanse da debilidade da casa señorial de Santa Marta dirixida por unha muller sen home e o seu herdeiro mozo, que non podían coma os cabezas das outras casas porse á fronte de criados e vasalos para recobrar e defender os seus estados, nun intre de particular anarquía, de guerra cabaleiresca de todos contra todos. 

      Neste contexto os xusticeiros irmandiños  bótanlle unha man á desolada -pero loitadora- condesa, e mailo seu fillo orfo de pai en tempos de guerra, que require na querela do 21 de febreiro de 1467 ós enviados pola "Hermandad" de Castela que levasen o seu problema á Xunta de Melide a punto de celebrarse para constituír  formalmente a irmandade galega,  obtendo unha resposta positiva: "estavan prestos de lo notificar".

      Damos por seguro que informaron á  Xunta, onde estiveron Diego de Andrade e Sancho de Ulloa(Pardo de Cela non estivo, o que cadra ben co seu visceralismo anti-irmandiño reflectido naquela metáfora represiva que aconsellou  ó conde de Lemos, unha vez rematada a irmandade: que ynchiese los carballos de los dichos basallos e quel dicho Conde dixera que no queria que no se habia de mantener de los carballos) a ver polo seu.

      Outra fonte oral trascrita, o preito Tabera-Fonseca, permítenos saber por boca do vello escudeiro Juan de Melide, que "siendo moço pequeño e bibiendo cn el conde don Sancho de Ulloa serbiendole este testigo de paje (...) vido que fizieron unas juntas en la villa de Mellid porque hera en la meitad del Reino (...)  se pusieran contra el dicho conde don Sancho de Ulloa e contra Diego de Andrade (...) ambos juntamente de miedo que tenian a los de la dicha hermandad se fueran para Castilla (...) e yendo para alla dize este testigo que vido que la gente de la condesa de Ribadavia, señora de Muzientes, prendiera a los dicho conde don Sancho e Diego de Andrade y los tubiera presos por tiempo y hespaçio de dos años"(a testemuña termina de contar que el e os demais criados do conde Sancho voltaron a Galicia, e que despois a xente os chamaba "traidores", tanto ós dous nobres fuxidos coma ós seus criados.). 

       Ó final a decidida condesa vingárase ben, coa axuda da Santa Irmandade, dos seus poderosos agresores( Estarán Ulloa e Andrade os dous anos de poder irmandiño presos en Mucientes, e aínda un ano máis, ata 1470;  o 27 de abril de 1470 perdoa e libera a condesa ó primeiro, conforme veremos logo, e nese mesmo ano (antes do 20 de xuño de 1470, data do duelo da ponte Sionlla, onde participa contra Sancho de Ulloa): Diego de Andrade quando salió de la prisión, donde lo tenía preso la condesa de Santa Marta) pero non por iso vai recuperar as súas posesións en Galicia.

      A súa  causa particular bate contra a causa xeral da irmandade da xente común que radicalizará, no sentido primixenio de atacar a raíz dos problemas, a súa revolta social, pasándose de considerar á señora de Ribadavia unha "irmá" a vela como unha parte máis dun sistema señorial que se mantiña pola violencia.

    O 8 de abril de 1467, aínda na fase pacífica da irmandade galega, Enrique IV escribe ós alcaldes das irmandades de "my Reyno de Galisia" para que a condesa de Santa Marta, e o conde de Benavente, restitúan ó mosteiro de Celanova o couto de Rabal, e o seu castelo da Santa Cruz, respectivamente ocupados  "injustamente por los dichos omes poderososos por la dicha fuerça". 

     É dicir, que tamén o Rei recoñece e acode á plena autoridade e xurisdicción dos irmandiños para admistrar unha xustiza -naturalmente, en nome do Rei lexítimo- en Galicia, que,  polo menos no tocante á defensa da igrexa asoballada, han executar segundo o Rei con  independencia das simpatías políticas dos señores malfeitores. 

    No caso que nos ocupa, o conde de Benavente era partidario do principe Alfonso e a condesa de Santa Marta estaba como sabemos do lado do propio rei Enrique. Nada debe estrañar entón se logo os irmandiños aplican o mesmo criterio indiscriminador no relativo á caída das fortalezas malfeitoras.

   O 10 de xuño de 1467, temos xa ó alcalde irmandiño do val de Celanova dándolle posesión do couto de Rabal ó abade do mosteiro, Álvaro de Oca,  quen lle presenta unha carta dos deputados da Junta de Medina  (abril de 1467)(mandava e mandou da parte  da Santa Yrmandade e del rey nro Señor don Enrrique aos moradores e vasalos do dito couto que no recodisen des oje este dito endeante ao dito señor conde nin condesa nin a outra persona algua con has rendas e señorío do dito couto, saluo a dito señor abbade de Çelanova). 

      Pero desaparecida a Santa Irmandade, nos anos 70 volve o dito couto ó señorío de Bernardino Sarmiento, porque o 23 de febreiro de 1487 os Reis Católicos lle ordenan do novo ó agora conde de Ribadavia  que lle devolva ó mosteiro de Celanova o couto de Rabal  xunto con outras xurisdiccións señoriais. 

    Entre a igrexa e os nobres, a monarquía elixe polo regular amparar os señores eclesiásticos, a parte máis débil e menos conflictiva, aínda que os recriminados sexan amigos do Rei; se cadra por iso non amosan os monarcas moita eficacia no desembargo dos bens eclesiásticos galegos, nisto os irmandiños actuaron con máis resolución que o débil e contradictorio Estado monárquico. 

     Pero cando teñen que escoller os Reis entre  vasalos e señores, sobre todo se estes son amigos do Rei, as cousas varían.

                                               Non puido ser

     O 25 de abril de 1467, enceta a fase insurreccional unha irmandade galega cada vez máis consciente do seu poder, e o rei don Enrique  incomódase cos "hermanos de las hermandades de mi regno de Gallisia" non porque  botasen abaixo toda canta fortaleza atopaban, senón  porque  non respectaban os bens dos seus partidarios: "avedes tomado e ocupado algunas villas e tierras e fortalesas de doña Teresa Destúñiga, condesa de Santa  Marta..., e de Juan Déstúñiga, visconde de Monterrey, e tenedes puesto çerco sobre otras villas e castillos de los susodichos", e manda "si plaser e serviçio me deseays faser" que desocupen os ditos bens e alcen os asedios.

      Nin caso. O 19 de xuño a situación seguía igual -ou peor-, e chega outra carta do Rei para a "Santa Hermandad del muy noble e leal regno de Gallisia como aquellos  a (a)preçio e amo e de quien mucho me fío" co fin de que lle devolvan Monterrei non a Juan de Zúñiga(Desmíntese así o documento do 25 de abril;  agora semella non preocuparlle  ó Rei  a  condesa de Santa Marta, enriqueña en Galicia pero Zúñiga en Castela  (o 30 de maio de 1467, o seu pai entraba victorioso en Toledo acompañando ó príncipe Alfonso; estas fluctuacións cortesás, guiadas polo variable interese  da política do Rei,  tiñan por forza que restarlle autoridade a Enrique IV ante unhas irmandades galegas que cada vez máis tiñan o seu propio criterio e interese) senón ó seu irmán Pedro de Zúñiga, que era do seu consello real e, polo, tanto máis "myo" -vén a dicir- que  o vizconde de Monterrei(A pelexa entre os medio-irmáns Juan Zúñiga e Pedro Zúñiga polo señorío de Monterrei é anterior á irmandade e mesmo continuará despois; Juan de Zúñiga é menos de fiar para os enriqueños: en 1465 tamén recibira do príncipe Alfonso a confirmación dos seus bens contra o seu irmán enriqueño , e ata 1469 non coñecemos un posicionamento seu  favorable  de Enrique -agora contra Isabel-).

       Logo, o 6 de xullo, nunha nova carta, Enrique IV acepta os feitos consumados e aproba tódolos derrocamentos feitos pola Santa Irmandade, mandando que se rendan os castelos aínda cercados: a victoria irmandiña é total (sobre os nobres de Galicia e, en certo sentido, tamén sobre o Rei(Unha resposta evasiva da Xunta irmandiña de Betanzos datada o 13 de xullo, sobre este asunto de Monterrei, deixa as cousas como están, isto é, nas mans da Santa Irmandade).

     Aquilo  que dicía a condesa na súa carta de adhesión á irmadade do 21 de febreiro de que "los pequeños e los medianos e los grandes vivamos bien e en pas e en sosiego", non puido ser; as contradiccións mentais e sociais acumuladas excluíron as  fortalezas malfeitoras e os seus donos da irmandade  popular: só permanecen nela cabaleiros como Alonso de Lanzós, Lope Sánchez de Moscoso, Pedro Osorio, Lope Pérez Mariño de Lobeira, Diego de Lemos e outros, que asumen e participan do poder irmandiño e da súa acción xusticeira radical.

     Non volvemos ter novas documentais da condesa de Santa Marta ata o remate da experiencia irmandiña: coidamos que se  mantivo afastada de Galicia, en Mucientes, ata 1470  (iso si, sen ceibar a Ulloa e mais a Andrade).

    Os irmandiños derrocan na primavera e verán de 1467 as  fortalezas da condesa de Santa Marta (algunhas en disputa con outros cabaleiros): Arcos, Castro Cabadoso, Formigueiro, Pena Corneira, A Peroxa, Ribadavia, Roucos, Santa Cruz, Santa Marta, Castro Caldelas de Orcellón, Vilamarín, Xuvencos...

      Non sen problemas internos. O 17 de maio de 1467 un sector burgués do concello e da Santa Irmandade de Ourense -capital provincial- oponse, sen resultados, ós derrocamentos espontaneamente protagonizados polos campesiños do Ribeiro que xa derrocaran Roucos, Formigueiro e Pena Corneira, e dispoñíanse a botar abaixo A Peroxa, Castro Cabadoso e Xuvencos: "tomaran e as derrocaran e as querían derrocar sen consultar con eles cousa algua e sen seu mandado". 

     Outro sector da Santa Irmandade, comandado polo escudeiro Nuno Dousende -alcalde maior irmandiño en Ourense, vila e provincia-, apoiándose na acción da xente común enceta a revolución irmandiña contra as fortalezas o 22 de abril  co derrocamento do Castelo Ramiro, malia os medos e as prevencións notariais dos cóengos irmandiños así como -supoñemos nós- doutros membros destacados do concello e da irmandade .

   O cambio de fase no levantamento irmandiño está logo vinculado a dúbidas e resistencias dos sectores máis moderados da irmandade, dos señores que se adheriran a ela, e do mesmo rei Enrique, se ben todos eles acabarán por asumir dun ou doutro xeito a nova situación creada pola caída irreversible das fortalezas do reino.

                                                Cómpre voltar

     Dous anos despois, organizan militarmente fóra de Galicia os nobres recalcitrantes exiliados unha reacción señorial que gaña a guerra en campo aberto ós irmandiños, pero que vai bater contra as cidades amuralladas da Santa Irmandade: entre 1469 e 1472 terá lugar unha segunda batalla polo señorío das cidades e vilas galegas entre os concellos ex-irmandiños e ex-señores respectivos que tentaran recuperar o poder perdido entre 1467 e 1469. 

     Loita posirmandiña  na que cómpre inscribir as accións da condesa de Santa Marta (quen non participou, que se saiba, na reacción señorial(O seu curmán, Juan de Zúñiga, sen embargo, segundo unha testemuña xuntárase con Fonseca no exilio e con el  voltara a Galicia en 1469) para ver de recobrar o señorío de Ribadavia: os acontecementos farán da vila do Ribeiro o contraexemplo de Santiago, onde Fonseca pactou -logo de fracasar nun prolongado cerco militar- co concello e os veciños a volta á xurisdicción arcebispal.

      O 27 de abril de 1470, en Mucientes, a nosa condesa tamén asina un pacto de vasalaxe(En realidade son dous, asinados na mesma data e lugar, un para liberalo da prisión   e outro cos compromisos de Sancho ): co seu prisioneiro Sancho de Ulloa; perdóao( la dicha sennora condesa dixo Sancho de Ulloa sobrino yo vos solte de la prision en que vos tenya por los danos que a mi e a mi fijo el conde don Bernardino e en nuestras tierras e fortalesas e vienes avedes fecho, ; este testemuño exclúe calquera motivación da prisión que teña que ver directamente coa irmandade ou coa guerra civil 1465-1468, circunstancias en todo caso coadxuvantes.), libérao da cadea(Intercederan polo preso ante a condesa: me escrivio el Rey e la rreyna nuestros sennores e muchos grandes deste rreyno e lo trataron muchos dellos commig) e el pasa ó seu servicio por 40.000 marabedís ó ano co compromiso de axudarlle a reconquistar Ribadavia e Santa Marta de Ortigueira que "al presente vos están rebeladas e fuera de vuestra obediençia e servicio" (fagamos notar que non hai neste intre referencia ningunha á irmandade); prometendo Sancho de Ulloa o que segue: "trabajaré con todas mis fuerças por aver e cobrar e ganar e avré e cobraré e ganaré las dichas villas de Santa Marta e Ribadavia e sus tierras e cada una dellas para vos la dicha señora condesa et entregaré la posesyon real, libre e paçificamente". 

    O documento que manexamos, unha copia de final de século (10 de abril de 1492) feita polo seu fillo Bernardino(en guarda de su derecho en los pleitos que los dichos sus partes han e tratan con don Sancho de Ulloa conde de Monterrey sobre o castelo de Caldas de Orcellón; Bernardino, vintecinco anos despois, segue polo tanto a loita da súa nai, que dera lugar á demanda diante da Santa Irmandade aquel  21 de febreiro de 1467.), refírese dúas veces nos protocolos finais  a "dona Ynés la triste condesa de Santa Marta"; coidamos que é un erro, unha adición significativa do escribán copista(Trabúcase as dúas veces co seu nome, en vez de dona Teresa escribe dona Inés, que xustamente no comezo do documento orixinal aparece como nai de Sancho de Ulloa: Inés de Castro, a viúva de Lope Sánchez de Ullo), un tal Christobal de la Serna de Valladolid, que coñecendo o seu tráxico final -o seu fillo lle encarga a copia- compadécese da condesa utilizando un cualificativo que en vida  a propia Teresa empregaba co mesmo cometido victimista, como vimos na querela do 21 de febreiro de 1467 presentada á outrora amiga Santa Irmandade contra do outrora inimigo Sancho de Ulloa, e que agora era o home-guerreiro que ía defendela, porque había un año que  tódolos señores estaban recuperando as súas terras dos irmandiños menos ela "triste e desonrrada e deseredada condesa".

     Teresa de Zúñiga de novo fica triste, soa e traizoada porque Sancho de Ulloa, chegando a Galicia, esquécese do pacto coa condesa e adícase ó seu: a recompoñer o seu poder señorial nesa transición da Galicia irmandiña á Galicia da restauración señorial chea de oportunidades para un cabaleiro novo.

      O 22 de xuño de 1470 xa temos a Sancho de Ulloa no que quedaba da fortaleza Castro Caldelas de Orcellón(Derrocada primeiro polas guerras entre Sarmientos e Ulloas, logo pola Santa Irmandade e derradeiramente polos Reis Católicos: entremedios reparábana; cando o preito Tabera-Fonseca estaba caída), que precisamente motivara a denuncia de 1467 por usurpación da condesa contra el, asinando un compromiso arbitral con Lope Sánches de Moscoso, para poñer  as "dudas" que poideran existir sobre a herencia de Lope Sánchez de Ulloa, pai e avó deles, nas mans de Pedro Álvarez de Soutomaior (novo caudillo das provincias de Tui e Ourense), Diego de Lemos (ex-capitán irmandiño) e o conde de Lemos (decano de toda a nobreza galega).  

    O 3 de novembro de 1470, Sancho de Ulloa e os catro nobres anteditos, xunto con outros (Juan de Zúñiga, Diego de Andrade e Suero Gómez de Soutomaior), forman unha confederación nobiliar contra Fonseca, a marquesa de Astorga e "la hermandad de los pueblos se ha comenzado nuevamente levantarlos". 

     O antigo prisioneiro de Mucientes xamais deixará de estar - pronto como conde de Monterrei- nesa nova cúpula nobiliar da que desaparecen os Sarmientos, peza clave no pasado como adiantados do reino de Galicia. 

     ¿Por que? Porque a cabeza real da casa dos Sarmientos era unha muller, e para conquerir e conservar os estados señoriais en tempos de guerra e revolución era preciso dominar ben o oficio militar, que estaba  ben lonxe das ocupacións duna dona medieval, por moi botada para adiante que fose.

    Tódolas novas cabezas das grandes linaxes do século XV que se impoñen na segunda metade dos años 60 son obviamente homes: Sancho Sánchez de Ulloa (conde de Monterrei), Lópe Sánchez de Moscoso (conde de Altamira), Diego de Andrade (que quixo "ser gran cavallero que no pequeño conde, quanto más que ser conde de lo suyo"), Pedro Álvarez de Soutomaior (vizconde de Tui, conde de Camiña e mariscal de Baiona), Pedro Pardo de Cela (mariscal).  

    Teresa de Zúñiga, illada en Mucientes, non tiña moito que facer en Galicia, pero ela non o sabía: ó mes de pactar con Sancho de Ulloa prepárase para voltar ás súas terras, imaxinámonos que fiaba na palabra do futuro conde de Monterrei, o seu sobriño( Casou coa filla de Juan de Zúñiga, vizconde de Monterrei, tamén chamada Teresa de Zúñiga, pasando a ser logo o primeiro conde de Monterrei). 

      Con todo, o 25 de maio de 1470 fai testamento en Mucientes deixando herdeiro dos seus bens ó seu fillo Bernardino, o conde de Santa Marta: proba de que algo temía e de que quería deixar todo en orde antes de viaxar a Galicia para  volver ser, na práctica, a condesa de Santa Marta.

      O seguinte documento notarial que fala dela é do 29 de novembro de 1470, o seu pai Álvaro de Zúñiga, pide a tutela do seu neto Bernardino polo falecemento da súa filla Teresa.

     Entre o 25 de maio e o 29 de novembro de 1470 tivo lugar, pois, a súa viaxe a Galicia e a súa dramática morte, máis preto da segunda data que da primeira: os familiares  non podían deixar moito tempo naquela situación, sen titor legal, ó conde rapaz, que nos cinco anos seguintes practicamente desaparece da escena galega, e con el, a casa de Santa Marta e Ribadavia.

     En 1476, Bernardino perde o título de conde de Santa Marta nun preito familiar(O novo conde de Santa Marta é Francisco Sarmiento, fillo de García Sarmiento, irmán rival de Bernardino, que non debemos confundir co seu tío, tamén García Sarmiento, señor de Sobroso (o neto chamarase igual).), e fica como primeiro conde de Ribadavia -adiantado de Galicia e señor de Mucientes-(adiantado de Galicia é desde a morte do seu pai un título honorífico, pola debilidade dos Sarmientos, e sobre todo porque desde 1480 os Reis Católicos teñen en Galicia un gobernador e outros funcionarios reais permanentes.). 

       Pero era  demasiado pouco e, sobre todo, demasiado tarde(Aponte non inclúe a casa dos Sarmientos  no seu nobiliario, e di que el conde de Ribadavia e el conde de Ribadeo eran castellanos) para tentar emular ós rufos condes e mariscais saídos da contrarrevolución irmandiña; antes ben, seguirá o camiño dalgún dos seus fillos, servindo ó novo Estado nas guerras exteriores: Bernardino pertence mentalmente máis ó século XVI que ó século XV. Cos Reis Católicos e Carlos V, os nobres galegos fanse cortesáns; de seguro que  a esta transición axudaron dúas mortes violentas: a condesa de Santa Marta en 1470 por obra dos seus vasalos,  e a do mariscal Pardo de Cela en 1483 por obra de Acuña, o primeiro gobernador e capitán xeral de Galicia; a segunda morte deu lugar a un mito político-literario contemporáneo, a primeira non, ¿por que era unha muller? 

     Por suposto, pero ante todo pola maneira de morrer: nas mans dos seus ex-vasalos. Ós señores mortos nas loitas sociais medievais non se lles recorda demasiado romanticamente porque non morren heroicamente (desde o punto de vista da mentalidade dominante). 

    Ademais os novos aires que trouxera a revolución da Santa Irmandade impedíalles ós vasalos enorgullecerse da morte dun señor en revolta, e menos aínda tratándose dunha muller, viúva e nai dun conde orfo.

                                                      Morrer en Ribadavia

     Dispoñemos de tres fontes históricas, de finais do século XV e principio de século XVI, que informan da morte da condesa de Santa Marta: o cronista real Diego Enríquez del Castillo, e mailos nobiliarios de García de Salazar e Vasco de Aponte. 

               Desgraciadamente en ningún destes documentos se escribe desde o punto de vista popular, desde a óptica dos protagonistas da revolta, que non teñen voz, entre otras cousas, porque non houbo unha represión, digamos legal, nin polo tanto un xuíz que ordenara facer unha enquisa no lugar dos autos.

                Os primeiros historiadores que se achegaron ó tema encheron á súa maneira, con boas intencións e moi pouco rigor, os baleiros de información. Non podemos, por conseguinte, continuar sen separar antes o grao da palla.

                                               Tradición e ficción

       A historiografía dos séculos XIX e XX segue para este acontecemento a fonte máis detallada e mellor divulgada en ambientes cultos, o Recuento de las casas antiguas del Reino de Galicia de Aponte, editado como apéndice do tomo VI daHistoria de Galicia, de Vicetto, en  1872.

            Benito Vicetto cando escribe sobre o feito loitoso de Ribadavia, segundo a versión de Aponte, trabúcase co nome da condesa (dona Mencía, chámalle(Que viña sendo a muller do irmán bastardo -García Sarmiento- do fillo favorito de Teresa de Zúñiga, Bernardino Sarmiento)) e coa data dos feitos, que sitúa arbitrariamente ó comezo da revolta irmandiña(Ó non haber noticias verdadeiras de señores asasinados polos irmandiños, non quedaba outro remedio que poñer a revolta de Ribadavia no momento, ou ó principio, da Santa Irmandade; esta lóxica que vencella a violencia-revolta-represión xa levou ó coetáneo García de Salazar a facer a mesma operación no seu nobiliario, que Vicetto non coñeceu.), dando a entender que os irmandiños, para tomaren a vila, tiveron que matar a condesa, e así o sangue "corrió entonces en la villa de Ribadavia"; ademais diso inventa un "asalto" irmandiño ó castelo de Ribadavia -que en 1470 estaba, polo demais, derrubado- para matar a condesa, o que non consta en ningunha fonte contrastada, salvo no maxín literario de Vicetto.

       En 1905, a marquesa de Ayerbe, que tivo acceso a un exemplar do nobiliario de Aponte, reproduce aquela parte onde relata a morte da condesa de Santa Marta, sen falar para nada da represión posterior, que, en 1914 e 1915, si que é recollida polo historiador local  Leopoldo Meruéndano, que tamén debeu ler a Vicetto- de quen saca o relato da represión por parte de Pedro Madruga-, pois repite o indocumentado asalto ó castelo e engade novas invencións que lle "adxudica" a Aponte, o que exclúe en principio que manexase calquera outra fonte que nós  hoxe non coñezamos: "asaltaron el palacio y el Castillo, apresaron á aquélla, y después de arrastrarla por las calles de la villa, lo mismo que á su merino ó juez Pedro Oxea(Existe o escudeiro Pedro Ouxea de Alván, que efectivamente estivera ó servicio do marido da condesa, conforme documentos de 1438 e 1441, pero segundo informa o propio Aponte, en 1470 está xa ó servicio de Sancho de Ulloa, participa ó seu lado no duelo cabaleiresco de sete contra sete na ponte Sionlla, contra a xente de Lope Sánchez de Moscoso, pola herdanza do pai e avó de ambos, feito de armas acontecido inmediatamente antes de chegaren ó acordo arbitral do 22 de xuño de 1470 ), no menos sanguinario que la Condesa, según el citado Cronista, que refiere el suceso". 

       Outros erros de Meruéndano: como non coñece o nome da condesa Teresa (Aponte non  fornece o nome de pía) de Zúñiga chámaa, sen que saibamos o porque, Elvira de Zúñiga; di que o marido da condesa - imposible, xa que sabemos que era viúva desde 1465-, estaba preso no momento da súa morte no castelo de Soutomaior; fala dunha suposta comisión de veciños de Ribadavia que lle pediu á condesa que respectase os foros e liberdades da vila, e que entón "les maltrató, y entonces amotinados los habitantes de Ribadavia asaltaron el palacio". 

     En fin, verdades imaxinarias que cómpre desbotar do campo dunha historia que  queira acoutar o seu eido para diferencialo da ficción, aínda nun caso coma este en que os datos coñecidos non pasan dunhas liñas nunhas crónicas. Ámbolos dous xéneros, historia e ficción, perden cando se mesturan con enganos.

     En 1920, Samuel Eiján edita a súa Historia de Ribadavia, a única existente ata hoxe en día, cita a Ayerbe neste asunto da morte da condesa de Santa Marta -pero non a Vasco de Aponte-, e  reproduce a ficción e os erros engadidos por Meruéndano como unha falsa cita de Aponte: nome errado da condesa, "marido prisioneiro", "comisión de veciños", "asalto ó castelo", "arrastre polas rúas", "morte na praza" xunto co seu meiriño Pedro Oxea...

      Feitos que puideron ter sucedido, pero que non están tirados dos documentos históricos; as cousas puideron acontecer de xeito moi distinto ó imaxinado por Vicetto e Meruéndano. Non descartamos que novas fontes boten luz sobre o desenvolvemento dos acontecementos; polo de agora só sabemos que os vasalos a mataron a lanzadas en Ribadavia.

     Por último, en 1934, temos reproducido no nobiliario de Camarasa, á marxe da tradición historiográfica ribadaviense, malia estar elaborado con documentos de arquivo e de ter o autor coñecemento do testemuño de Aponte, o "asalto ó castelo" inventado por Vicetto con algún engadido pasional tamén imaxinario: "El populacho asaltó el castillo de los Sarmientos y con una ferocidad pocas veces igualada llegó hasta el aposento donde se había refugiado la condesa de Santa Marta y allí fué alanceada sin piedad" Maneira de morrer que recorda outro asasinato que seguramente o autor coñecía: a morte sonada de Inés Enríquez, condesa de Camiña, por orde do seu fillo Pedro de Soutomaior -neto de Pedro Madruga- xulgado e condeado por iso en 1518, que foi rematada na cama con  béstas, espadas e coiteladas.

     Sen embargo, nin os historiadores locais nin os citados autores nobiliarios seguen a Vicetto cando confunde a revolta xeral irmandiña (1467-1469) coa revolta local (1470) de Ribadavia  contra a condesa Teresa. Velaí unha influencia directa doRecuento de Aponte, a fonte que mellor detalla os feitos de 1470, diferenciándoos da revolta irmandiña, contra a cal ademais o autor non agacha a súa xenreira. 

       O descubrimento e publicación recente das probanzas do preito Tabera-Fonseca, centradas no levantamento irmandiño, onde nin favorables nin contrarios falan nada da morte da condesa de Santa Marta, confirma a separación que hai que facer entre os dous feitos históricos.

                                                      Feitos documentados

      Diego Enríquez del Castillo, na súa crónica do reinado de Enrique IV que redactaba "según iban ocurriendo los sucesos",  empeza dándonos a data correcta: "En aqueste año, que se contaron de mil é quatrocientos é setenta años... concurrieron dos grandes trabajos é muy grandes males en el Reyno", isto é, unha "grandisima carestia" e mailo  descubrimento dunha "grand falsedad de la moneda"; continuando logo: "En aqueste mismo tiempo [de grandes males] subcedió que estando la Condesa de Sancta Marta en Galicia en una villa suya, sus vasallos se levantaron contra ella é la mataron á puñaladas".

        Non establece Enríquez relación ningunha entre as irmandades -coñecía ben de cerca as homólogas castelás( Diego Enríquez del Castillo, cronista oficial e capelán de Enrique IV, xoga un papel moi activo en maio de 1467 no levantamento da "hermandad" para impedir a viaxe a Béjar do Rei na compaña precisamente da condesa de Plasencia, nai ou madrasta de Teresa de Zúñiga, que estaba no bando rebelde do principe Alfonso,)- e a revolta social ribadaviense: encadrada nas desgracias que aconteceron o dito ano de 1470 nos reinos de Castela e León. 

       É coma se o cronista participara da imaxe de "triste condesa" que, difundida en ambientes cortesáns, malia as razóns políticas que podía ter contra os Zúñiga en Castela polos enfrontamentos durante a guerra civil( Despois da batalla de Olmedo, en setembro de 1467, o cronista fora preso en Segovia polos partidarios de don Alonso, entre os que estaba o pai da condesa de Santa Marta , e de seguido condenado a morte por las falsedades que contenía el manuscrito de la "Crónica" que se encontró..., librándole su condición de clérigo, conforme conta o cronista Palencia, daquela inimigo declarado de  Enrique IV), superados en todo caso ó aliñarse finalmente o pai da condesa de Santa Marta, Álvaro de Zúñiga, conde de Plasencia, con Enrique IV.

    O clérigo Enríquez del Castillo non ten noticia, ou ten noticia pero non a considera significativa, do capítulo da represión; en calquera caso, a súa postura é aceptar os feitos consumados -unha morte admitida- e valorar que as augas voltasen á súa canle pacificamente: "é puesto que asi la mataron, subcedió el hijo pacificamente porque ellos le obedescieron, y él los perdonó". 

     O futuro conde de Ribadavia asume a postura negociadora que a súa nai non puido ou non soubo tomar cando voltou a Galicia, e que resultaba imprescindible en Galicia para reanudar as relacións vasaláticas despois de viviren os campesiños e cidadáns galegos dous anos en paz: sen señores(O paradigma desta actitude realista é un dos inimigos máis declarados dos irmandiños e xefe de filas da nobreza galega daquela, o conde de Lemos, que cando retoma a súas terras, resulta que  a xente que andara na irmandade se ausentara e fuyera por miedo del dicho Conde e quel dicho Conde los asigurara y ellos tornaran a asentar en la dicha tierra otra bez,  continuando a testemuña co que lle respondeu a Pardo de Cela, cando lle dixo que enchera os carballos cos vasalos, que non se había de manter dos carballos  ; en 1472, o conde de Lemos, conxuntamente co conde de Benavente, perdoan así mesmo os veciños de Allariz e Castro Caldelas polos yerros pasados asy fechos en el tiempo de la hermandad); ten o seu valor porque é máis que probable que Bernardino estivese tamén en Ribadavia cando mataron a súa nai(Sen Bernardino a condesa non podía tomar posesión de Ribadavia: o poder legal  tíñao o seu fillo, ela soamente era a titora do conde, aínda que era condesa polo seu marid).

        Dez anos despois, en 1480 e 1482, os veciños de Ribadavia cuestionan de novo o señorío sobre a vila e o pago dos tributos ó conde, que obtivo dos Reis Católicos unha cédula ó seu favor.

      Entre 1471 e 1475, un cabaleiro vasco chamado Lope García de Salazar, enumera as fortalezas que derrubaron as "Hermandades" de Galicia e chegando a Santa Marta de Ortigueira  escribe: "derribaron el Castillo de Santa Marta, que era de don Vernaldino, fijo del Conde de Santa Marta, e mataron los Villanos a la Condesa su muger". 

    Ós que unhas liñas máis arriba denominaba respectuosamente "fidalgos e labradores" das irmandades galegas que derrocaban fortalezas e estaban "contra todos los Caualleros e Señores de Galisia", son agora os "Villanos" que matan a unha condesa: desde o punto de vista das mentalidades subxacentes, a diferenciación está clara.

      A precisión tocante a nomes e datas non é  o que destaca na obra de don Lope. Salazar obtivera a súa información con toda evidencia oralmente, falando de oídas e lonxe de Galicia: non sabía que o conde de Santa Marta era un menor, e di que a súa nai é a súa muller.

     Máis adiante mestura a morte de Bernal Diáñez de Moscoso no asedio á catedral de Santiago un ano antes da Santa Irmandade (o 22 de agosto de 1466) coa revolta irmandiña (1467-1469) e coa morte da condesa de Santa Marta, un ano despois da Santa Irmandade (verán-outono de 1470), pero globalmente só se equivoca nun ano cando resume, para logo poder sentenciar: "Durante estas cosas e fechos en Galisia, ... por tiempo de tres años, poco mas o menos, como apareçer de las gentes, Nuestro Señor quiso ferir con su deçiplina a estos caualleros de Galiçia, e pagando dellos con piedad". 

     O sentido providencialista e inculpador dos señores de Galicia -viña a dicir que os cabaleiros morrían xustamente polos seus pecados-, non  evita que o señor da casa-torre de San Martín de Somorrostro tamén culpabilice ós vasalos, realizando para iso unha especial mestura da acción da Santa Irmandade -non fornece dato ningún de que directamente matase algún cabaleiro-  coas outras mortes de señores, anteriores e posteriores, cando continúa escribindo "e viendo [Nuestro Señor] las demasiado crueldades de los villanos, e la su mucha desouedençia contra sus naturales señores,..., los dichos Señores, dieron con los dichos villanos en el suelo".

   ¿Cal era a situación persoal de Lope García no tempo en que escribía isto? Tiña 72 anos, vía a morte de cerca (ó ano seguinte de rematar o libro, en 1476, xa falecera), e estaba preso polo seu propio fillo na súa casa-torre de Somorrostro, de acordo co que conta el mesmo no prólogo. 

    Non é de estrañar entón un sentimento dobre de culpabilidade, contra si mesmo -afirma estar "Esperando la mysericordia de Dios"(Sen Bernardino a condesa non podía tomar posesión de Ribadavia: o poder legal  tíñao o seu fillo, ela soamente era a titora do conde, aínda que era condesa polo seu marid)- e contra o seu fillo carcereiro de quen temía a morte por veleno(estando preso en la my casa de San Martjn de los que yo engendré e crié e acrecenté e temeroso del mal beuedizo...

       E yo temjendome de la desordenada codiçia que es por leuar mjs bienes...), que se pode reflectir nesa dobre culpabilidade dos señores e dos vasalos, na Galicia entre 1466 e 1470, os cales Deus castigaba por igual, ós cabaleiros coa morte e ós vasalos coa represión -e a reedificación das fortalezas-, polas súas crueldades, especialmente pola morte da condesa de Ribadavia, que ten que citar forzosamente antes da caída da Santa Irmandade para xustificar providencialmente a represión, aínda que para iso teña que variar a orde crónolóxica dos feitos.

     Pero recompoñamos a secuencia e rematemos co relato que chegou a oídos do cabaleiro vasco encarcerado, da represión da revolta dos vasalos de Ribadavia, un ano despois do paso da Santa Irmandade por Galicia: "E despues que mataron los villanos de Ribadavia a la Condesa de Santamarta, su señora, de cruda muerte, faziendo la pedaços, vino don Vernaldino, su antenado(Fillo nacido antes do matrimonio; agora achégase máis á realidade García Salazar: é probable que Bernardino non fose fillo natural de Teresa de Zúñiga), contra ellos e mató muchos dellos, e dasatolos de mala manera".

       Non foi -nin podía ser- o mozo Bernardino quen vingou a "cruda muerte" da súa nai, foi Pedro Álvarez de Soutomaior, Pedro Madruga -vainolo deixar claro Aponte-, pero o sentido xeral dunha represión posterior ó homicidio señorial en revolta, é correcto.

     Contra 1530-1535, sesenta anos despois do homicidio colectivo da condesa de Santa Marta,  Vasco de Aponte comeza as súas referencias ó dito acontecemento cualificando moi negativamente á víctima: "Y su muger la condesa, muy endiablada (que después la mataron sus vasallos a lançadas por muchos males que ella les façía), era muy presuntuosa por deçir que era de los Zúñigas".

      Teresa de Zúñiga era endiañada, presuntuosa e mala: case xustifica a súa crúa morte. Esta hostilidade cara á defunta muller e nai de Sarmientos hai que entendela, en primeira instancia, como unha toma de partido do autor contra Diego Pérez Sarmiento, en favor de Álvaro de Soutomaior (irmán do seu ídolo Pedro Madruga) nas liortas que tiñan entre eles( O 13 de maio de 1455, o conde e a condesa de Santa Marta ceden Salvaterra e Castro Cabadoso a Álvaro de Soutomaior, mercé á arbitraxe de Juan de Zúñiga, e perdóanlles  ós Soutomaior la entrada en Ribadavia y prisión de dicho conde; pero o 25 de abril de 1458, temos de novo a Diego Pérez Sarmiento, en Mucientes,  chegando a un acordo de confederación co conde de Benavente contra Álvaro de Soutomaior para ver de recobrar  la villa de Salvatierra é todos los otros bienes que tiene ocupados de mí el dicho conde de Santa Marta; en 1463, acórdase o matrimonio entre Bernardino Sarmiento e María Pimentel, aínda nenos, para darlle continuidade á alianza de 1458 contra Pedro Madruga; moito despois, o 3 de agosto de 1479, o conde de Benavente forma unha confederación de nobres galegos, contra terceiros, e aparece entre eles Bernardino). 

Os Sarmientos-Zúñigas tiñan "muchas tierras en Galiçia y en Castilla" pero Soutomaior era "casa muy antigua en este reyno de Galiçia", razoa Aponte nun arrebato patrio. Con todo, a aversión que Aponte sentía cara á condesa ía alén das persistentes e antigas loitas de bandos, de feito -como informa o propio Aponte- Pedro Álvarez de Soutomaior vai ser obxectivamente o amigo  máis poderoso -aínda que interesado- que lles queda en Galicia ós Sarmientos  cando Bernardino fica orfo de pai e nai: explícase pola misoxinia de Vasco de Aponte.

      Pedro Álvarez de Soutomaior, un dos factores principais da contrarrevolución de 1469, era unha sorte de sobriño de Teresa de Zúñiga -o segundo sobriño desta historia-: "era bastardo natural (que lo huviera su padre Fernán Diáñez de una hermana, o prima, o sobrina de la condesa de Rivadavia, la que murió a lançadas)"( Pedro Álvarez era fillo bastardo de Fernán Diáñez de Soutomaior, que o tivera cunha curmá de Teresa de Zúñiga, Constanza de Zúñiga (filla de Diego López de Zúñiga, o pai de Juan de Zúñiga, vizconde de Monterrei), segundo informa un dos fillos de Pedro Madruga, Diego de Soutomaior, na súa Descendencia de la Casa de Soutomaior).

       Parece ser que cando resultou evidente que o primeiro sobriño a quen acudiu, Sancho de Ulloa, non estaba disposto a cumprir o compromiso forzado en Mucientes(Ben o sabía Pedro Madruga que fora o 22 de xuño de 1470  árbitro do acordo de Sancho de Ulloa con Lope Sánchez de Moscoso citado supra.), dona Teresa, outravolta "triste e desonrrada e deseredada condesa", busca noutro sobriño, Pedro Madruga, indiscutible caudillo feudal no sur de Galicia, ese brazo guerreiro que leva procurando desde que morreu o seu home en 1465, e don Pedro semella estar presto: "Este Pedro Alvarez, apoderado en la casa de Sotomayor, como sabía que la condesa de Rivadavia, su tía, se avenía mal con los suyos por las sinraçones que les haçía y que ellos algo revelaban, y la condesa ymbió por el sobrino, el qual se fue para ella".

   Pero hai algo que non cadra: se o señor de Soutomaior estaba coa condesa en Ribadavia ¿como é que puideron matala os seus vasalos? 

     O único claro é que Pedro Madruga aparece cando xa está morta Teresa de Zúñiga; segue o texto coa evidencia da represión: "y luego hiço matar a unos, y a otros cortar pies, y a otros prender. 

     Y prendió al abad de San Croyo y trájolo por la villa de Rivadavia ençima de un asno y con una resta de ajos al pescueço. Y allí cortó la cabeça a Diego Sarmiento".

      Dunha tacada Pedro Madruga víngase tres veces: 

       a) dos vasalos ex-irmandiños de novo revoltados cunha violencia inusitada, cousa que el, perseguidor de irmandiños e paradigma da nova orde restauradora(Y él no se contentando de recobrar y ganar lo suyo, quiso valer a quantos cavalleros havía en Galiçia (...) mandó Pedro Alvarez  llamar los señores ..., y anduvo al pie con ellos asta apoderarlos a todos y restituirlos en quanto tenían perdido y les tenía tomado los villanos revelados), non podía pasar por alto sobre todo en Ribadavia, tan preto do seu ámbito de influencia; 

      b) do abade de San Clodio con quen, de seguro, algún contencioso tiña:

      c) dos seus cabaleiros inimigos, como este señor de Sobroso, Diego Sarmiento de Soutomaior, un terceiro sobriño da condesa de Santa Marta(Diego Sarmiento viña sendo fillo do irmán de Diego Pérez Sarmiento (señor de Ribadavia e conde de Santa Marta), García Sarmiento (señor de Sobroso) e de Teresa de Soutomaior: o avó de Diego Sarmiento, Paio Sorred de Soutomaior, era  por conseguinte bisavó de Pedro Madruga), que, segundo unha testemuña do preito Tabera-Fonseca, notario de Pontevedra, lle dera certos motivos ó de Soutomaior para se vingar del.

      Estando o tal Diego Sarmiento xunto con Pedro Álvarez, na casa ribadaviense do conde de Santa Marta(É de supoñer que todo isto ten lugar unha vez morta a condesa, visto que Pedro Madruga reprime ó mesmo tempo a Diego Sarmiento e os vasalos revoltados), chegou un mensaxeiro do arcebispo Fonseca (que mais tarde seria patriarca de Alejandria) cunhas cartas para o señor de Sobroso, que como non o coñecía, pregunta por el a Pedro Madruga, que lle di: "Yo soy; e quel dicho onbre le diera las dichas cartas que traia e que las tomara el dicho Peralvarez e por el aviso dellas el dicho Parlavarez matara al dicho Diego Sarmiento e quedara dende alli enemigo con el dicho Patriarca". 

     Ó parecer, das cartas tírase "quel dicho señor Patriarca fuera en consentimiento e acuerdo con el conde de Ribadavia e con Diego Sarmiento en que degollasen e matasen al dicho Pedro Alvarez"( non é crible que o conde mozo que contaba con don Pedro para pór orde en Ribadavia conspirase na súa contra, pero tampouco o atopamos do seu lado nas guerras contra outros nobres e menos aínda contra os Reis Católicos; pola contra, conservará a hostilidade cara a Sancho de Ulloa ). 

      O enfrotamento de Fonseca cos cabaleiros de Galicia, que rompe a unidade señorial anti-irmandiña data, cando menos, do 13 de maio de 1470(Enrique IV apoia por carta a Fonseca contra os cabaleiros que lle tomaban o seu nos portos) -é dicir, antes de partir a condesa Teresa de Mucientes-, e tiña causas socio-políticas: a posesión de fortalezas (mellor dito, o dereito a súa reedificación), coutos, vilas, terras, rendas e vasalos. 

     Pedro Álvarez de Soutomaior incorpórase á fronte anti-arcebispal ó longo de 1470: o 3 de novembro, antes de que Bernardino teña novo titor, aparece xa como un dos fundamentos da confederación nobiliar contra Fonseca e os ex-irmandiños(Estará de novo presente na confederación do 20 de febreiro de 1471 en Carboeiro, pero falta na asinada o 17 de outono de 1477 en Lugo: Pedro Madruga, daquela, batallaba en solitario no bando portugués contra os Reis Católicos, que tiñan o apoio máis ou menos activo de resto da nobreza galega.).

    Desde o punto de vista estratéxico, en 1470, o máis importante para Pedro Madruga era a guerra cos cabaleiros  competidores no sur de Galicia, que, desde antes da guerra con Portugal, xa estaban comandados polo arcebispo Fonseca, ó cal se achegaban tódolos inimigos do novo señor de Soutomaior;  entre eles, os que máis odiaba Pedro Madruga eran os antigos cabaleiros da casa do anterior señor de Soutomaior(Vasco de Aponte dinos quen son por orde: Diego Sarmiento, Gregorio de Valadares, Tristán de Montenegro, Diego Suárez, Gonçalo de Avalle, Francisco de Avalle), o seu irmán Álvaro -morto en marzo de 1468 non sen antes render a cidade de Tui á Santa Irmandade-, como Diego Sarmiento, que resistían a súa pretensión de "mandar en toda la tierra"; confésao Aponte  no que segue ó relato da represión en Ribadavia:

     "Y allí cortó la cabeça a Diego Sarmiento, y quisiera apañar y maltratar a todos los prinçipales de la casa de su hermano [Álvaro de Soutomaior], alguno de los quales tomó, pero los mas principales se le fueron, sacando a Diego Sarmiento(Logra Pedro Madruga matar máis tarde a G. Valadares,  a T. Montenegro e ós irmáns Avalle).

     Unos deçían que este conde que después fue [Pedro  Madruga] se quejaba dellos por deçir que se falaban entre sí de no le obedecer por mandar en toda la tierra, y se querían amellorar con él, y aun matarlo".  A represión dos cabaleiros inimigos parecía máis importante para Pedro Álvarez que a represión da rebelión. Continuemos con Aponte: "mas ellos [os ex-cabaleiros de don Álvaro] contra esto deçían que el conde lo hacía por tomarles lo que ellos tenían, de manera que nunca se pudo averiguar la verdad desto", conclúe salomónico Aponte. 

     Pedro Madruga toma logo a represión da revolta ribadaviense coma un bó pretexto  para axustar contas.

     A fiabilidade demostrada do nobiliario de Aponte como fonte histórica acredita a relación da represión dos revoltados populares co desquite de Pedro Álvarez, aínda que a tradición oral representada polas declaracións do preito Tabera-Fonseca, que, na década dos anos 20 do  século XVI, semella esquecer o homicidio social de Ribadavia, redúcese á guerra dos cabaleiros como motivación da morte do señor de Sobroso.

    Outra fonte oral trascrita, a declaración oral feita en 1537 por unha testemuña de noventa e cinco anos, Estevo Gago, clérigo de Vigo, sobre a morte de Gregorio de Valadares, ofrecénos unha terceira versión da execución de Diego Sarmiento na vila de Ribadavia, cadra co notario de Pontevedra e con Vasco de Aponte en considerala unha consecuencia da inimizade entre ámbolos dous cabaleiros, e da militancia de Diego Sarmiento (e de Gregorio de Valadares) no partido do arcebispo Fonseca, chegando a dicir que a morte do primeiro fora unha medida preventiva: "despues de muerto el dicho Gregorio de valadares vio este dicho testigo que el dicho conde temiendose de muchos parientes e deudos del dicho gregorio de valadares por que muchos le decian que pues mandara matar al gregorio de valadares que se guardase que tenia muchos parientes e despues el dicho conde temiendose de diego sarmiento( Diego Sarmiento casara con Leonor de Meira e Valadare) senor de la villa de salvatierra lo prendio en la villa de Rivadavia e alli lo mato e mando degollar".

     O caso é que a morte de Gregorio de Valadares, que participou na batalla de Altamira (o 13 de xuño de 1471), foi posterior á morte de Diego Sarmiento (1470); dificilmente logo  con esta segunda morte podería Pedro Madruga (facendo honor ó seu alcume) tratar de evitar a vinganza dos parentes do asasinado Valadares. 

    Pero a causa de ámbalas dúas mortes está clara: a loita de bandos nobiliarios no sur de Galicia. O clérigo de Vigo trábucase máis veces na súa declaración na cronoloxía dos feitos: noutra parte da declaración sitúa a morte de Bernal Diáñez (1466) cando a batalla de Altamira (1471).

     Tamén García de Salazar confundía cronoloxicamente a morte de Bernal Diáñez en 1466, coa Santa Irmandade de 1467-1469, e coa morte de Teresa de Zúñiga en 1470. É obriga do historiador profesional restablecer a cronoloxía documentada, pero sen esquecer que a mestura dos datos son indicios da mentalidade dos autores: son erros que levan dentro de si unha verdade tanto ou máis histórica  cás datas correctas. 

     Para García de Salazar as mortes de señores daquel período e a Santa Irmandade, eran o castigo de Deus polos pecados dos cabaleiros de Galicia; o demais era totalmente secundario. 

    Para o vigués Estevo Gago, o realmente importante era que a morte de Diego Sarmiento fora un acto calculado contra os cabaleiros fonsecanos, é dicir, que Pedro Madruga non mataba simplemente por crueldade ós seus inimigos, seguía unha estratexia que, en derradeira instancia, era defensiva.

       Seguindo cos falsos erros. Aponte, aínda que fala dos irmandiños despois de falar da revolta de Ribadavia, non precisa confundir a represión de Ribadavia co fin da Santa Irmandade; inmediatamente despois da última pasaxe citada escribe: "Logo en este tiempo se levantó la hermandad, que todos los villanos se levantaron contra sus señores, en que derrocaron quantas fortalezas havía en Galicia, excepto la fortaleza de Pambre. Este Pedro Alvarez, viendo toda la comunidad contra sí y sus fortalezas derrocadas, acogiose a Portugal". 

     Ademais de separar totalmente a revolta antiseñorial de Ribadavia da revolta antiseñorial irmandiña, Vasco de Aponte fala sorprendentemente ben da primeira (a condesa era culpable "por las sinraçones que les haçía" ós seus vasalos) e rematadamente mal da segunda; é natural, os irmandiños obrigaran a fuxir a Pedro Álvarez e os veciños revoltados de Ribadavia foran castigados por Pedro Álvarez, ós primeiros chama Aponte despectivamente "villanos" e ós segundos "sus vasallos", "los suyos" (a diferencia de García de Salazar).

      Certamente en 1470 os ribadavienes mataron a súa señora, e en 1467-1469 os irmandiños non mataran a ningún señor a xeito de revolta. Para o sistema de valores aínda medieval de Aponte, que conta unha e outra vez sen amolecer como se mataban os cabaleiros entre eles, guerreando ou por engano, sen respectar os lazos de familia, estaba xustificada a morte por vinganza, o dereito de defensión; por iso precisa deixar claro o mala muller que era a condesa e o mal que se portaba cos seus vasalos, para asumir a súa morte dunha maneira, digamos natural, e por conseguinte admitir tamén a represión como unha resposta así mesmo xusta, ó xeito de vinganza cabaleiresca.

     Non é casual que cando Pedro Madruga entra en Ribadavia en 1470, emulando ó seu irmán Álvaro en 1455, tanto se vingue de Diego Sarmiento, coma do abade, coma dos vasalos que mataran a endiañada condesa Teresa, arranxando así tódalas contas pendentes.

                                          ¿Triste ou endiañada?

     As fontes de fóra de Galicia non cualifican moralmente a condesa de Santa Marta; en cambio os documentos galegos oscilan entre dúas visións, unha positiva e outra negativa: (A) "yo la triste e desonrrada e deseredada condesa"; ou (B) a "muy endiablada... muy presuntuosa" condesa.

     A imaxe "triste" é primeiramente mentada pola propia Teresa de Zúñiga, que querería ser así recordada, ó enviúvar e perder o control do seu señorío (1467, demanda ante a Santa Irmandade) e logo propagada polo seu fillo Bernardino (1492, cando manda copiar documentos para o preito con Sancho de Ulloa).

       Estamos ante unha tradición familiar, de seguro que extensible ós seus criados, parecida á tradición xerada pola morte violenta de Pardo  de Cela. Se no caso da condesa de Santa Marta non transcendeu máis que unha tradición favorable é debido a unha dobre oposición, curiosamente converxente, da cultura popular e da cultura nobiliaria, dos veciños de Ribadavia e de Vasco de Aponte, os cales mantendo posicións mentais diverxentes tocante á revolta irmandiña, cadran en dar por boa a morte a lanzadas da condesa(Partimos da máxima probabilidade de que os veciños de Ribadavia tivesen  unha visión maioritariamente favorable do axustizamento da condesa, que eles mesmos protagonizaran,  e da revolta irmandiña, do mesmo xeito có resto de Galicia, segundo a enquisa do preito Tabera-Fonseca e outras fontes orais e escritas).

     A condesa procuraba o fundamento da súa causa na táctica do vencido, na súa debilidade como muller.

      Á muller, desde a restauración do dereito romano, hai que protexela porque é doada de enganar;  a función real de defender as mulleres soas, sen maridos, espállase pouco a pouco co proceso de feudalización;  a salvagarda de viúvas e orfos (e clérigos) acaba sendo pedra de toque do modelo cabaleiresco cristianizado. 

      Esta mentalidade protectora, consecuencia do predominio masculino na sociedade medieval, tanto nobiliaria coma popular, está ben asumida na Galicia baixomedieval( No mesmo ano de 1470 en que matan a condesa, en Milmanda (tamén na provincia de Ourense), Aldonça Roz pide porqee o  senhor coregedor faça dele juistyça, por que soo uiuua e desamparada e nom poso yr aos seus pees, que me matou o dito Fernam de Sam Payo o meu marydo e meu yrmaao Goçaluo Roz).

    A condesa busca, pois, trocar a súa debilidade en forza, ¿lógrao? En vida, non. Igual que os señores eclesiásticos, a parte feminina da clase señorial constitúe un elo obxectivamente débil, por mor da falta de experiencia e adicación á vida militar, en tempos de agudización -horizontal e vertical- das tensións sociais, da guerra de bandos dos cabaleiros e da loita de clases cos vasalos. 

     Os mesmos argumentos que explican a abundancia dos casos de prelados mortos polos seus vasalos revoltados, axudan a comprender o caso da morte en revolta da señora de Ribadavia: os executores aproveitáronse tamén da súa indefensión como muller.  Non temos noticias  de pelexa ou resistencia no intre do atentado de Ribadavia, como nos casos de axustizamento de señores eclesiásticos, a diferencia do que acontecería de ser o señor un home, por tanto, un guerreiro. 

     Pero nun aspecto sepárase o caso dos prelados asasinados da morte da condesa de Santa Marta: alguén da súa liñaxe vingouse.

    Doutra banda, dona Teresa non era unha muller débil senón dura  e combativa cos cabaleiros inimigos -non dubida en ter tres anos presos a Sancho de Ulloa e Diego de Andrade- e posiblemente cos seus vasalos: deberemos crer a Aponte cando repite que lles fixo "males" e "sinraçones". 

   O compromiso asinado con Sancho de Ulloa e logo a demanda da axuda dirixida cara a Pedro Madruga, ían encamiñados ó uso da forza para reconquistar a vila do Ribeiro. 

    Houbo con seguridade falta de subtileza por parte da condesa, que pronto facía valer a súa forza de carácter (viaxe a Galicia para recobrar como fose os seus dominios) como caía na inxenuidade de fiar de Sancho de Ulloa. 

    Os excesos nas dúas direccións labraron a súa desgracia, e ilustran o perfil contradictorio de Teresa de Zúñiga, a  difícil adaptación dunha muller á función señorial en tempos de guerra e de rebelión social.

     De seguro que nunha situación social máis estable, a sucesión no condado de Santa Marta podería darse cunha titora viúva, pero a mala sorte cebouse na condesa, a  conservación do señorío para o seu fillo fixérona imposible a guerra civil, a revolución social e a división dos nobres; o seu desacougo estaba xustificado.

     Ser inxenua cadraba coa mentalidade machista dominante: a súa valentía e dureza de carácter, non. 

     Cando querían insultar a uns cabaleiros, tratábanos como se fosen mulleres. Se unha muller se manifestaba orgullosa, forte, entraba en xogo o estereotipo  feminino contrario ó da muller soa e submisa que cumpría amparar: a muller perversa e perigosa que cumpría arredar.

     A misoxinia -xenreira cara ás mulleres baseada  no temor- medieval remonta as súas orixes á cultura clásica,  pero vai ser na Idade Media cando verdadeiramente se sataniza a muller como axente maléfico.

      Desde Adán, os homes son tentados ó pecado polas mulleres, as fillas do Diaño.

      Vasco de Aponte cando lle chama á condesa de Santa Marta endiañada, facedora de males ós vasalos e presuntuosa cos nobres de Galicia por vir dos Zúñiga, conecta cunha imaxe de muller perversa que hai que condenar, mesmo punir, estendida polo cristianismo medieval entre señores e vasalos, ó mesmo tempo cá imaxe de muller virtuosa que hai que alabar, mesmo protexer.

      A memoria da asasinada pero pervesa condesa non hai porque protexela, por tanto, da infamia.

     En resumo, Vasco de Aponte descualifica a Teresa de Zúñiga como muller e como señora de vasalos,  a causa da súa toma de partido contra a cabeza visible da rama máis poderosa dos Sarmientos, pero tamén pola súa condición misóxena, polo demais moi propia da época, que se reflecte nas diversas referencias antifemininas no seu nobiliario.

      As obras contemporáneas, historias nobiliarias e historias locais,  repiten as teses de Aponte, abundan na descualificación moral da condesa, por dúas razóns: é a única fonte galega coetánea que dá noticia do tema; e ademais, ¿non segue no século XX vixente dalgunha maneira a misoxinia e os estereotipos de mulleres "malas"?

     A marquesa de Ayerbe (1905) reproduce o parágrafo de Aponte sobre a endiañada condesa que lles facía mal ós seus vasalos. Leopoldo Meruéndano (1914), escribe o mesmo: "condesa indiablada" que "hostigó á sus vasallos" que enviaron unha comisión e "les maltrató" e, daquela, amotináronse e matárona. 

     Samuel Eiján (1920) erre que erre, insiste en que era endiañanda e presuntuosa, engadindo outros preconceptos anti-femininos ó aseverar que Aponte "descubre en ella los brotes de orgullo nobiliario inherentes a los Sarmiento, unidos a los extremos de una crueldad impropia de su sexo"(a diferencia de Pedro Madruga e doutros homes, nobres cabaleiros da época, non se coñece da condesa de Santa Marta ningún acto cruel; non podemos dicir o mesmo do tamén axustizado  Pardo de Cela que quería colgar dos carballos ós irmandiños, e sen embargo foi recordado como unha víctima e mesmo como un "heroe"). 

    Na historia da casa de Camarasa (1934) amplíase a mala fama de Teresa de Zúñiga, afirmando que "esta Señora que, según parece, era algo intrigante y no muy discreta" porque, non contenta coa confirmación da sucesión do seu home morto, de Enrique IV, procura paralelamente outra do príncipe Alfonso( En realidade, son moitos os casos de nobres que tiñan relación cos dous bandos ou mesmo que cambiaron de bando, algo que nunca fixo a condesa de Santa Marta); logo o marqués de Camarasa fai á condesa culpable póstuma da represión, por pedirlle axuda a Pedro Madruga,  que "era un malvado que nada respetaba", quen en Ribadavia "se hartó de hacer atrocidades",  argumentando que "se comprende que con estas cosas, la madre y tutora del joven señor de Ribadavia se hiciese odiosa incluso a sus propios vasallos"; intrigante, indiscreta, odiosa e... altiva: "Asi murió la altiva Dña. Teresa de Zúñiga", conclúe fatalmente a  historia da casa de Camarasa.

    ¿Que din as xenealoxías inéditas dos Sarmiento da condesa morta polos seus vasalos? Ben nada, facendo desaparecer sospeitosamente a Teresa de Zúñiga, a pesar de nomear o seu home e o seu fillo, a pesar do costume do xenealoxista de sinalar con quen casa cada membro importante da liñaxe. Ben recollen, como despois fará a bibliografía, a opinión desfavorable de Aponte: "fue muy endiablada y mala, y que los basallos la mataron despues a lanzadas por los muchos daños que les hacia", transmisora dunha tradición fortemente antiseñorial que raramente é transmitida polas canles da cultura escrita.

                                            Acción e represión

          Poucas veces as fontes medievais son tan unánimes e tan claras á hora de manifestar a  motivación social, antiseñorial, da execución colectiva dun señor por parte dos seus vasalos como no caso da condesa de Santa Marta.

      O cronista real Enríquez escribe que "sus vasallos se levantaron contra ella é la mataron", e que, logo do axustizamento, "é puesto que asi la mataron, subcedió el hijo pacificamente porque ellos le obedescieron, y él les perdonó"; establece así unhas relacións mentais -revolta/violencia, obediencia/paz- que evidencian a importancia do consenso nas relacións vasaláticas, e deixan entrever a ruptura deste como causa da violencia purificadora.  

     Acto profano de raíces pre-cristiás, o sacrificio ritual colectivo do señor natural que incumpre as súas funcións remite ó ciclo da fertilidade: morte dun mal señor que volta á terra e resurreción noutro señor a quen os vasalos obedecen pacificamente porque "él les perdonó".

    Non era propio dos señores laicos perdoar ós vasalos rebeldes, e menos habendo por medio a morte dun señor;  os señores eclesiásticos tiñan sen embargo a posibilidade de condenar eclesiasticamente e perdoar terrealmente, trala doazón por parte dos arrepentidos matadores de bispos, abades e cóengos. 

     As outras dúas fontes, nobiliarias e laicas, cada unha cos seus matices, para nada falan de perdón e si da dura represión dos veciños de Ribadavia.

     A posición reconciliadora do cronista real parte do principio de realidade -"é puesto que asi la mataron"-, acepta as consecuencias pero tamén as causas do homicidio en revolta, un mal indesexable que hai que evitar no futuro, restablecendo o pacto entre señores e vasalos, onde os segundos obedecen porque os primeiros os tratan pacificamente.

    Unha restructuración das relacións feudais promovidas polo Estado e a Igrexa á cal non se adaptará verdadeiramente a nobreza laica galega, que perdoa ós irmandiños só parcialmente a revolta de 1467-1469; non hai represión, pero un sector significativo -entre os que non se atopa naturalmente o fillo que  indultou, Bernardino Sarmiento(Bernardino Sarmiento non aparece implicado en nigunha reedificación posirmadiña; salvo excepcións (o propio castelo de Ribadavia)  non se levantaron de novo a ducia de fortalezas da casa; na reconstrucción forzada de Arcos, a única que aparece no preito Tabera-Fonseca, consta como responsable da imposición de serventías, o seu alcalde (polo conde de Ribadavia) Fernando de Camba)- tenta obrigar ós vasalos a reedificar as fortalezas. A "caída dos falcóns" a finais do século XV , que será definitiva desde o  punto de vista político ,  non deixa de ter reflexo no sentimento de culpa do contemporáneo cabaleiro Salazar e na nostalxia de Aponte pola brutal nobreza feudal  representada por Pedro Madruga a principios do século XVI.

    García de Salazar, no cadro da revolta irmandiña como revolta claramente antiseñorial, adopta unha actitude contraria ós ribadavienses -é o único en chamarlle "viláns"-, di primeiro que  "mataron los Villanos a la Condesa" para unir logo revolta antiseñorial con violencia antiseñorial: "e viendo las demasiado crueldades de los villanos, e la su mucha desouedençia contra sus naturales señores,..., los dichos Señores, dieron con los dichos villanos en el suelo". 

     O sentido antiseñorial da revolta de Ribadavia contra a condesa resulta máis evidente aquí que no texto do cronista real, incluso a conclusión xustificadora da vinganza ritual sublimadora: o mal goberno dos señores págase coa morte, pero a rebelión contra os señores "naturales" tamén; primeiro morre a condesa, pero despois morren moitos ribadavienses rebeldes; e, ademais, caen tódolos irmandiños, viláns crueis -previa identificación forzada coa revolta local posirmandiña de 1470-. 

    A falta de represión violenta de levantamento antiseñorial tan enorme como o da Santa Irmandade de Galicia, tiña que estrañar ó cabaleiro vasco, quen cría sinceramente que os dous feitos foran un só. 

     Ningún indicio de perdón laico nin sagrado: Deus castiga a todos, cabaleiros e vasalos, vén dicir  o vello e epocalíptico cabaleiro preso polos seus fillos na casa-torre de Somorrostro.

    Vasco de  Aponte, criado de Andrade e un defensor máis entusiasta da orde señorial có cabaleiro Salazar -se cadra porque a súa adhesión é máis ben literaria-, é tremendamente claro na motivación antiseñorial da morte colectiva da condesa de Santa Marta, porque, no fondo, considéraa causada pola culpa individual dunha condesa endiañada, presuntuosa e mala cos seus vasalos. 

    Para salvar  a súa nostalxia pola derradeira nobreza  feudal, violenta pero certamente valerosa, xustifica o sacrificio da condesa de Santa Marta,  chibo expiatario que carga cos pecados do mundo nobiliar galego,  repoboado de cabaleiros ben coñecidos no reino de Galicia polas súas tropelías e violencias contra os vasalos e a Igrexa, como Pedro Madruga e o mariscal Pedro Pardo de Cela(Comparemos a asepsia nobiliar con que Aponte trata a Pardo de Cela, mariscal , e a hostilidade popular cara ó dito Pardo de Cela inferida das declaracións orais do preito Tabera-Fonseca, polos mesmo anos).

    Ser muller e de orixe extragalega, facilita a xustificación da morte de Teresa de Zúñiga pola mentalidade tardonobiliar de Aponte, que se aparta radicalmente -e en parte tamén as restantes fontes utilizadas neste traballo- do tratamento que a cultura escrita lles viña dando ás mortes individuais dos señores nas revoltas desde finais do século XIV: indicibilidade, descoñecemento do seu sentido xusticeiro, fatalismo providencialista. 

    Quitando algunha xenealoxía familiar, a morte da condesa non é indicible, pregóase abondo en nobiliarios e crónicas (igual, despois de 1483, cá  morte de Pardo de Cela(Con todo, Aponte para nada comenta os motivos polos que o gobernador Acuña executou  a Pardo de Cela, que están unanimemente espallados na tradición oral desa época: roubaba e facía males desde a Frouseira e demais fortalezas, onde acollía ladróns, "vivía mal" e as levantaba contra o Rei, e por iso prendérono e degolárono ; a belixerancia anti-irmandiña do mariscal axuda a explicar o silencio de Aponte, representante da cultura nobiliaria, e o ruído na cultura popular.)). 

    A súa significación profana como acto colectivo de xustiza privada por mor de reinvindicacións sociais, vén sendo polo regular recoñecida, ben  para xustificar o perdón (cronista real e posiblemente a cultura popular), ben para xustificar a represión (cultura cabaleiresca  en decadencia).

    A súa significación relixiosa pasa do milenarismo total de Salazar, que mete cabaleiros e vasalos entre os castigados pola ira divina, á demonización da mala señora - condesa "muy endiablada"- que predica Aponte. 

    Todo porque despois de gran revolta que conmoveu entre 1467 e 1469 o sistema señorial, no económico pero aínda máis no imaxinario colectivo, xa non ten moito sentido tapar por parte dos intelectuais da época a simple morte individual dun mal señor; é máis conveniente unirse ó coro e insistir en que se trata dunha excepción (sobre todo tratándose da casa dos Sarmientos, diríanos Aponte se puidese falar), é dicir, cousa do diaño, con quen ademais non debe haber tratos e pactos(O xenealoxista Aponte de seguro que non lle perdoa a Teresa de Zúñiga a súa temperá militancia na Santa Irmandade; a infernalización dos irmandiños subxace tamén no cualificativo despectivo que lle puxeran contrarios como Aponte:  irmandade fusquenlla).

     Non sabe Aponte ata que punto acerta, se lle damos a volta á súa acusación -de contrarios a favorables, conforme a opinión maioritaria na Galicia posirmandiña- e facemos da excepción unha  regra, xeneralizando a inculpación diabólica ó conxunto da violenta nobreza trastamarista( Sería máis certo e mesmo máis xusto, porque á condesa de Santa Marta non se lle coñecen grandes agravios ós vasalos nin violencias contra outros señores  (aínda que non está exenta de acusacións, ), despois de enviúvar nin siquera puido perpetralos: entrou na Santa Irmandade en 1467, exiliouse en Mucientes ó non poder impedir o derrocamento das súas fortalezas e morreu en Ribadavia a pouco de voltar; sen embargo foi víctima ó quedar sen home da rapacidade de Sancho de Ulloa, de Diego de Andrade, de Pardo de Cela), porque se pode dicir dos derradeiros señores feudais galegos aquilo que expoñía un vello relixioso ó cabaleiro Galván: "fuisteis mal siervo y desleal, pues cuando entrasteis en la orden de caballería no se os metió en ella para fueseis a partir de entonces siervo del Enemigo, sino para que sirvieseis a Nuestro Creador y defendierais la Santa Iglesia".

     Por moito que Vasco de Aponte xogue coa condición feminina da condesa, homologable ó demo, nada poder agachar os feitos que el mesmo relata: Pedro Madruga cando reprime os que mataron a condesa prende e ridiculiza o abade de San Clodio, ¿de que parte está logo o Inimigo?

   O contraste entre a oposición radical de Aponte á grande revolta antiseñorial, pero sen sanguentas vinganzas persoais, da Santa Irmandade, e a facilidade con que acepta a pequena revolta antiseñorial  que deu cabo da vida da condesa, vén confirmar algo que xa concluiamos noutro lugar: "No fondo  a morte señorial  é inofensiva para o sistema global, que limítase a sustituír ó amo masacrado por outro, usualmente en mellores condicións, tanto para os vasalos (que arrincan polo regular concesións) coma para os señores (que gañan un consentemento perdido)".  

    A violencia catártica, a morte de cando en vez dalgún señor a xeito de válvula de escape, permite, pois, a reproducción do sistema: o derrocamento de tódalas fortalezas e a substitución do poder señorial polo poder irmandiño, non.

    Agora ben, que houbese chibos expiatorios dos males do sistema non quere dicir para Aponte que os vasalos asasinos tiveran de ficar impunes. Morte admitida pero non perdoada. ¿Como fai casar Aponte a súa actitude pro-señorial coa  súa consideración case xusta da morte da condesa? Substituíndo o esquema mental vasalos/señores polo esquema cabaleiresco da lei do Talión. 

    Se os vasalos se vingaron a lanzadas da condesa dos "muchos males que ella les façia", o seu sobriño Pedro Madruga vingárase dos vasalos facéndoos "matar a unos, y a otros cortar pies...".

     O dereito de vinganza era unha parte importante da vella orde feudal, non tanto a práctica do perdón. 

     O mesmo ritual violento que escenifican os veciños de Ribadavia para acabar coa condesa ("la mataron á puñaladas" -escribe Enríquez-; "cruda muerte, faziendo la pedaços" -escribe Salazar-; "la que murio a lançadas" -escribe Aponte-), serve para describir a vinganza posterior de Pedro Álvarez de Soutomaior que "hiço matar a unos, y a otros cortar pies, y a otros prender. 

    Y prendió al abad de San Croyo y trájolo por la villa de Rivadavia ençima de un asno y con una resta de ajos al pescueço. 

     Y allí cortó la cabeça a Diego Sarmiento". 

     Exceso de sangue e  mutilacións, moi propio da violencia ritual medieval, que se vai repetir cando a Inés Enríquez, segunda condesa de Camiña, nora de Pedro Madruga, "le despedaçaron e fizieron pedaços su cuerpo e cabeça" por orde do seu fillo Pedro de Soutomaior, neto de Pedro Madruga, condenado a morte polo xuíz real en 1518: "Y ansí bajó la casa de Sotomayor", sentencia Aponte.

    A lei do Talión será substituída pola xustiza pública nun proceso encetado en Galicia pola revolución exemplarizante de 1467-1469. Un ano despois, a revolta homicida de Ribadavia, resulta anacrónica, mira cara ó pasado, cadra máis coa mentalidade medievalizante de Pardo de Cela,  Madruga e Aponte (que recupera simbolicamente a revolta de 1470) que coa mentalidade modernizante dos irmandiños, dos oficiais reais, de sectores importantes da Igrexa e da fidalguía, que conformarán outra Galicia entre finais do século XV e comezos do século XVI, escollendo como chibos expiatorios dos males do sistema social as fortalezas, as pedras en vez das persoas, aínda que os cabaleiros fosen culpables  e merecentes dos maiores castigos

                                                          FUENTE:
             A morte a lanzadas da condesa de Santa Marta (1470): unha análise
             CARLOS BARROS (UNIVERSIDAD DE SANTIAGO DE COMPOSTELA)

No hay comentarios:

Publicar un comentario